Friday 03 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 127.000 euros na roza de diferentes camiños rurais, pistas e estradas do concello de Mazaricos, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Juan José Blanco Ribeiro, asinaron as actas de recepción das obras

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Ribeiro, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O acto tivo lugar na Casa Consistorial de Mazaricos.
En total, investíronse 127.409,53 euros no proxecto de roza mecánica de camiños rurais, pistas e estradas, limpeza de maleza en núcleos rurais, rutas paisaxísttcas e áreas recreativas. En concreto, as actuacións leváronse a cabo nos lugares de Casrto-Pride e de Sanfoga-Ponteoveira. As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
No caso de Mazaricos, o municipio alberga 123,5 aeroxeneradores e máis de 34 quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.